xograr

Benvida/o á bitácora do Departamento de Música do IES Pintor Colmeiro (Silleda). Esta bitácora pretende ser un foro aberto para compartir coñecementos sobre a Música. Iremos incorporando material didáctico para que poidas descargar, enlaces a outros lugares da rede e diversas propostas de traballo. Pero isto só poderá funcionar se contamos coa túa colaboración. De ti depende que esta viaxe chegue a bo porto. Ultreia!

25.10.04

... e finalmente cantou


Chegou e desfixo os rumores sobre a cancelación do concerto anterior. Angela Gheorghiu deixounos un memorábel concerto coa súa especialidade, arias de ópera italiana que van do bel canto (Bellini) ata o verismo (Leoncavallo, Puccini) sen esquecer o gran Verdi. Desta vez acompañouna a Orquestra Sinfónica de Galicia dirixida por Fernando Malheiro. Podes ler o publicado por La Voz de Galicia e por El Ideal Gallego

13.10.04

Festival Are More

Entre o 16 de outubro e o 15 de decembro, Vigo acollerá a quinta edición do Festival Are More. Este ano poderemos escoitar voces da talla de Matthias Goerne, Natalie Stutzmann ou María Bayo. A ópera Tamerlano de Händel será outra das estrelas deste ano. Dentro da música instrumental acudirán intérpretes coma o guitarrista David Russell, o clavecinista Pierre Hantaï ou o pianista Jean-Yves Thibaudet.

12.10.04

O divismo hoxe

A soprano romanesa Angela Gheorghiu tiña previsto dar un recital na Coruña o pasado 30 de setembro organizado pola Asociación de Amigos da Ópera. Este recital foi cancelado a última hora dado que a cantante afirmaba estar enferma. Este dato non tería importancia en calquera outra persoa, pero o historial desta artista fixo sospeitar a moita xente que non había tal enfermidade. Le o publicado polo xornal La Voz de Galicia sobre a súa chegada e sobre a cancelación do recital. Agardamos pola túa opinión.

1.10.04

O personaxe do mes: O XOGRAR

Dálle nome a esta bitácora. Era o principal divulgador de música profana na Idade Media. Ía de lugar en lugar cantando, facendo teatro, xogos malabares ou levando noticias. En Galicia, dende un punto de vista musical, o máis destacado é Martín Códax, dado que sen conserva a notación musical de seis da súas Sete cantigas de amigo no Pergamiño Vindel, das que se levan realizado múltiples gravacións. En 1998 dedicóuselle o Día das Letras a varios deles.